A Delegación de Catequese da Diocese de Santiago organiza a peregrinación do Xubileu de Catequistas, presidida polo noso Arcebispo Don Francisco José, primeiro catequista da Diocese (NDC 114), que será non só unha viaxe a Roma, senón un camiño de renovación espiritual. Queremos que vos sintades acompañados e motivados para vivir esta experiencia en comunidade, compartindo a fe con outros catequistas de todos os lugares do mundo que, coma nós, entregan o seu tempo e vida ao servizo do Evanxeo.
Ofrécense dúas modalidades:
A/ 26-30 de setembro. Participación no Xubileu de Catequistas e visita á cidade de Roma, Basílicas maiores e a unha catacumba.
B/ 26 de setembro ao 4 de outubro. Despois do Xubileu de Catequistas e das visitas en Roma, a peregrinación continúa: Asís, Florencia, Rávena, Padua, Venecia, …, para descubrir a catequistas que sementaron esperanza e que a Igrexa nos presenta como modelos.
En ambos os casos o prazo de inscrición finaliza o día 18 de Decembro de 2024.
Aínda que soe a tópico, o mundo sofre un enorme déficit de esperanza. O Papa Francisco expresa na Bula que convoca o Xubileu, o desexo de “que poida ser para todos un momento de encontro vivo e persoal co Señor Xesús, «porta» de salvación (cf. Jn 10,7.9); con El, a quen a Igrexa ten a misión de anunciar sempre, en todas partes e a todos como «a nosa esperanza» (1 Tm 1,1).
Esta é a misión do catequista, de levar a cada neno, mozo ou adulto ao encontro vivo e persoal con Xesús, a nosa esperanza.
O Xubileu pode converterse nun tempo de graza especial, un momento de perdón, reconciliación e conversión, que nos axude a fortalecer a fe e a comuñón coa Igrexa universal, de tal forma “que o Xubileu sexa para todos ocasión de reavivar a esperanza”. Que tamén o sexa para nós, catequistas, que necesitamos desa mesma esperanza que desexamos transmitir.